Thursday 28 de March de 2024

Fene convoca a terceira edición do seu taller de radio para a rapazada


Achegar aos nenos e nenas ao medio radiofónico a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora. Ese é o principal obxectivo do III Obradoiro de Radio Concello de Fene organizado pola biblioteca Xosemaría Pérez Parallé en colaboración coa emisora de radio municipal. Trátase dunha proposta lúdica que este ano usará como fío condutor a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e que finalizará coa gravación dun programa completo que se emitirá en Radio Fene. O obradoiro desenvolverase durante os xoves do mes de marzo e as inscricións poden facerse desde xa mesmo na propia biblioteca, situada na Casa da Cultura-Museo do Humor, ou chamando ao 981 342 303.

A actividade oferta 12 prazas e vai dirixida a nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Iso si, para que o obradoiro se celebre será necesario que haxa alomenos 6 solicitudes.

Os contidos que se tratarán son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abordaranse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico.

O obradoiro impartirase na biblioteca municipal Xosé María Pérez Parallé os xoves 9, 16 e 23 de marzo entre as 16.30 e as 18.00h. mentres que o último día, o xoves 30, a actividade trasladarase ao estudio de Radio Fene con dúas quendas, unha de 16 a 17.30h. e outra de 17.30 a 19.00h.

Nese último día do obradoiro de radio será cando se grave o programa, centrado desta vez na conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra o 2 de abril. Ao cargo da actividade estará a xornalista Almudena Marcos, quen contará con axuda do técnico de son Xavier Fernández na fase de gravación.

O período de inscrición no III Obradoiro de Radio Concello de Fene está aberto ata o 3 de marzo. Para apuntarse abonda con pasar pola biblioteca, situada na avda. de Conces 20-22 (Museo do Humor), ou chamar ao 981 342 303 en horario de tarde.

O obradoiro é unha iniciativa da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé-Concellaría de Cultura e Ensino de Fene en colaboración con Radio Fene.